28/12/2015

Publicidade, humor e paronimia



No altar dos recursos máis efectivos da ludolingüística deberiamos reservar un lugar de preferencia para a paronimia. A relación que se establece entre esas dúas voces de forma case idéntica e de significado dispar dá moito xogo. E máis aínda se intervén a creatividade e o sentido do humor dun bo publicista.

Vémolo, en castelán, no xenial anuncio do «neno-castor» que encabeza a entrada, dunha empresa colombiana de alimentación (moi acaído ademais para estas datas).

E tamén o podemos ver, en inglés, nestoutra peza dun centro alemán de ensinanza de idiomas. Outro brillante aproveitamento da paronimia! Por certo, os mellores desexos para o 2016!


24/12/2015

Letras no ceo urbano

 

Chegou o inverno no calendario e a cada pouco miramos o ceo preguntándonos cando chegará o inverno de verdade (a choiva, o frío, a neve...). Se cadra algo así lle ocorreu hai uns anos á deseñadora gráfica alemá Lisa Rienermann, ata que descubriu no ceo urbano todas as letras do alfabeto.

Deste xeito conta ela como deu con esta insólita tipografía (vía microsiervos).
Todo comezou polo Q. Estaba nunha pequena rúa de Barcelona e, ao ollar cara a arriba, vin as casas, o ceo e as nubes. A área escurecida deixaba albiscar unha forma no ceo que parecía un Q. Esa foi a idea da técnica. Pensei que se un Q me atopou a min, eu daría atopado o resto do alfabeto. Daquela pasei semanas ollando para o ceo, esculcando o resto das letras entre as casas.
Unha nova tipografía creativa para a nosa colección.

 
 

  

20/12/2015

«Ezinize najan», canción-palíndromo


Xa vimos nesta entrada ou nestoutra algunhas asombrosas cancións-palíndromo. Hoxe toca outra, mais esta vez... en éuscaro!

Grazas á web do Club Palindromista Internacional souben do grupo vasco de rock alternativo PAM (de nome completo Puto Amoak Matematiketan; en galego: Putos Amos das Matemáticas) e da súa canción «Ezinize najan» (ou «Ezin izena jan»; en galego: «Non pode comerse o nome»). Trátase da versión musicada dun poema palindrómico do ludolingüista Markus Gimeno. Este é o primeiro single do seu novo álbum, financiado mediante crowdfunding.

Aquí podedes ler, completo, ese texto reversible:
Igel izan ezinez ia,
ni naizena onar,
eta beti martziano naiz.
Tramite batera noanez,
ia ni naizen izena
zilegi.
Que podería traducirse así:
Ao non poder case ser ra,
aceptar o que son,
e sempre son marciano.
Como vou a un trámite,
o nome que case son
vale.
E este é o audio.



Outra incrible proeza musical do palindromismo!

16/12/2015

O yoda speak de George Lucas



Deste xeito coñecemos a Yoda nas salas de cine do país hai máis de 30 anos. E xa só restan dous días para a agardada estrea de The Force Awakens (A forza esperta), o novo filme da saga Star Wars. Un universo de ficción cheo de curiosidades lingüísticas: desde o peculiar idioma de Chewbacca (creado a base de gruñidos de animais), á asombrosa capacidade para a interpretación de C-3PO (que fala con fluidez máis de seis millóns de formas de comunicación). Mais hoxe dedicarei o comentario á fala do mestre Yoda: o yoda speak.

Certo é que, nos filmes orixinais, Yoda fala basicamente inglés. Con todo, recordo ler por algures que George Lucas, produtor, director e guionista, decidiu caracterizar o pequeno jedi dándolle á súa fala unha particular sintaxe. Así, Yoda adoita secuenciar as súas palabras na orde Obxecto + Suxeito + Verbo (abreviado: OSV). Quen sabe se se trata dunha interferencia da súa verdadeira lingua materna.
Found someone, you have, I would say. (Atopaches alguén, eu diría).
Hard to see, the dark side is. (Difícil de ver o lado escuro é).
Truly wonderful the mind of a child is. (Realmente marabillosa a mente dun neno é)
Your father he is, but defeat him you must. (Teu pai el é, mais derrotalo ti debes).

OSV é unha secuencia asociada a idiomas moi antigos, case primixenios, e moi, moi rara. Usada só por certas linguas amerindias e da África oriental. Se cadra, unha forma deliberada de acentuar ese aquel de sabedoría ancestral do personaxe.

Vexamos como se distribúen todas as combinacións sintácticas de Suxeito, Verbo e Obxecto nos diferentes idiomas do planeta, das máis comúns ás menos:
- SOV (Suxeito Obxecto Verbo) 45%: hindi, xaponés, persa, albanés...
- SVO (Suxeito Verbo Obxecto) 42%: galego, inglés, alemán, chinés...
- VSO (Verbo Suxeito Obxecto) 9%: galés, árabe, tuareg...
- VOS (Verbo Obxecto Suxeito) 3%: malgaxe, baure, fidxiano...
- OVS (Obxecto Verbo Suxeito) 1%: apalaí, hixkaryána...
- OSV (Obxecto Suxeito Verbo) 0%: warao, xavante...
http://www.yodaspeak.co.uk/index.php

Se sentes a chamada da forza, debes saber que dispós dun tradutor de yoda speak de balde na rede. Só tes que poñer as túas frases (en inglés, iso si), facer un clic e listo! Claro que para esa tradución tampouco fai falta un xerador, digo eu.

E lembra: Falar como Yoda ti podes!

11/12/2015

«Puns» e encrucillados filosóficos


Xenial este pun inglés. Toda unha demostración da sabedoría filosófica de Nietzsche, de Kant e de Sinatra.

Coa presenza da Filosofía reducida ao mínimo nos plans de estudos, ben está dedicarlle unha entrada a esta magnífica escola de liberdade. Calquera diría, en tempos de pensamento globalizado, que o obxectivo é evitar na mocidade o exercicio autónomo e rigoroso do pensamento, mediante o cal formar individuos reflexivos, críticos e activos.

E a voltas coa Filosofía, aproveito para vos presentar un pequeno grande achado: unha restra de pasatempos en galego de tema filosófico. Encrucillados e sopas de letras en liña de Webdianoia, unha web destinada a estudantes de secundaria e de bacharelato cunha chea de materiais e recursos para o estudo da historia da Filosofía. 

Un recurso ludolingüístico para nos achegar de forma amena ao pensamento de Nietzsche, de Kant, de Aristóteles, de Hume, de Rosseau, de Protágoras, de Chomsky...

08/12/2015

A grella de Cardano


O médico, filósofo e matemático italiano Girolamo Cardano (1501-1576) desenvolveu, contra 1550, un curioso método criptográfico coñecido como «A grella de Cardano». A idea é moi simple:

Pártese dun papel ou cartolina perforada en certos lugares, que se sitúa sobre outro papel. Nesas «xanelas» vaise escribindo a mensaxe secreta, mediante letras, sílabas ou palabras completas. Deseguido, retírase a matriz cos ocos e completamos o texto no papel inferior cunha secuencia de caracteres arbitrarios (que chamamos nulos). O destinatario debe posuír unha grella igual á do remitente e colocala sobre o texto recibido para facer aparecer a mensaxe.

Sábese que o cardeal Richelieu (1585-1642) empregou este método tanto na súa correspondencia privada como na diplomática. Mesmo o poeta inglés Lord Byron (1788-1834) elaborou algún poema utilizando a grella de Cardano.

Se che presta enredar con esta técnica sen te separar do teclado, aquí tes unha magnífica web cun xerador automático de cifrado e descifrado da grella de Cardano. E, ollo!, tamén inclúe xeradores e información sobre moitos outros métodos de encriptación.

04/12/2015

Palíndromos ilustrados [5]


O 5 de decembro de 1791 falecía Wolfgang Amadeus Mozart. Hoxe, véspera dese cabodano e a xeito de brincadeira, un palíndromo que fala das súas relacións «suorentas».

Con este enunciado reversible, veume á cabeza unha escena do filme Amadeus (1984), de Milos Forman. Un intre que ilustra á perfección, e de forma audiovisual, o palíndromo. Trátase do primeiro encontro entre Mozart e o seu antagonista, Antonio Salieri. Dous personaxes que encarnan, na ficción cinematográfica, estereotipos contrapostos: dun lado, Mozart, o xenio precoz, frívolo e inconformista; e do outro, Salieri, o músico respectado mais tamén mediocre e sombrío.

Na devandita escena, Salieri observa oculto como Mozart, á xaneira, xoga no chan con Constanze, a moza que máis tarde se convertería na súa esposa. O xenio de Salzburgo tamén «fai suar» a rapaza falándolle do revés, con bifrontes (o irmán pequeno do palíndromo). 

Velaquí a escena co son orixinal e debaixo o texto en inglés coa súa tradución. Un enredo ben acaído para pecharmos o círculo ludolingüístico desta entrada.

Mozart: Here, everything goes backwards. People walk and dance and sing and even talk backwards.
Constanze: That's stupid.
Mozart: Why? People fart backwards.
Constanze: Oh! Ha, ha, ha!
Mozart: Ssa-ym-ssik! Ssa-ym-ssik!
Constanze: Yes, you are. You are very sick.
Mozart: No! Say it backwards, shitwit!
Constanze: Ssa-ym-ssik. Ssa-ym-ssik! Ssik, kiss. Ym, my. Ssa... Kiss my ass!
Mozart: Em-yrram!
Constanze: No, I'm not playing this game!
Mozart: Say it, it's serious. It's very serious.
Constanze: Em-Yrram... Marry me!? I' m not gonna marry you. You're a fiend.
Mozart: Uoy-evol-I-tub.
Constanze: Tub. But I... love... But I love you?
Mozart: Tihs-ym-tae.
Constanze: What?
Mozart: Eat.
Constanze: Eat. Ym, My. Tihs... Eat my shit. You filthy fiend! You filthy...!
Mozart: My music!
(Mozart: Aquí todo vai do revés. A xente camiña e baila e canta e mesmo fala do revés.
Constanze: Iso é unha parvada.
Mozart: Por que? A xente tamén peidea cara a atrás.
Constanze: Oh! Ha, ha, ha!
Mozart: Uc-o-emacíb! Uc-o-emacíb!
Constanze: Estás enfermo, si. Estás moi enfermo. [Confunde «Ssa-ym-ssik» con «Say I’m sick»]
Mozart: Non! Dío do revés, paspana!
Constanze: Uc-o-emacíb. Uc-o-emacíb! Uc, cu. O. emabíc... Bícame o cu!
Mozart: Ogimoc-asac!
Constanze: Non, non vou xogar a iso!
Mozart: Dío, é serio. É moi serio.
Constanze: Ogimoc-asac... Casa comigo!? Eu non vou casar contigo. Es un demo.
Mozart: Etomá-ue-siam.
Constanze: Siam. Mais... Ue. Eu... Etomá... Mais eu ámote?
Mozart: Adrem-añim-a-emoc.
Constanze: Que?
Mozart: Emoc.
Constanze: Come. A. Añim... Come a miña merda. Demo noxento! Demo...!
Mozart: A miña música!)
Tradución:
Sude dama, él es Amadeus. 
Sweat lady, he is Amadeus.

30/11/2015

Cruciverbalismo e sesquipedalismo


O colega portugués Paulo Freixinho presentou hai uns meses no seu blog ludolingüístico unha pequena xoia do cruciverbalismo: o encrucillado coa palabra máis longa xamais incluída nun destes pasatempos. Trátase de Llanfairpwllgwyngyllgogerychwyrndrobwllllantysiliogogogoch, o nome da vila galesa de 58 letras da que xa falamos hai un tempo.


Iguala así o récord de Roger Squires, crucigramista de diarios británicos como The Times, The Daily Telegraph, The Guardian, Financial Times ou The Independent, que xa incluíra ese mesmo topónimo nunha das súas pezas uns anos antes.

Así explica Freixinho o poder que exerceu sobre el o sesquipedalismo.
Não resisti e criei umas Palavras Cruzadas tendo como base o nome de uma vila no País de Gales com 58 letras. Um passatempo com vários W e Y, o que obrigou a algumas palavras em inglês.
Aquí podes resolver en liña este encrucillado en portugués. E aquí tes o magnífico novo portal de Freixinho, Palavras Cruzadas.

E en galego lembra que podes poñer a proba o teu vocabulario, por exemplo, con estes encrucillados de ogalego.eu, de Anxo González Guerra e Victoria Ogando Valcárcel. 

Todos realmente recomendables.

26/11/2015

En que se parece un corvo a un escritorio?


Hai 150 anos, tal día como hoxe, 26 de novembro, Lewis Carroll publicaba Alicia no país das marabillas. Esta obra mestra da literatura inglesa, traducida ao galego desde 1985, rompeu, como xa vimos, cos estreitos moldes didáctico-moralistas das obras infantís da época. Un canto á liberdade, á imaxinación e ao espírito lúdico, con múltiples lecturas, que incomodou a ríxida sociedade inglesa do momento e abriu novos camiños literarios.

En Alicia no país das marabillas abundan eses xogos verbais e de enxeño que tanto nos gustan. Hoxe, que incorporamos este clásico á nosa «bibliografía ludolingüística básica», centrarémonos nun dos seus enigmas máis coñecidos e arrevesados. No seu capítulo 7, Alicia está a tomar o té co Sombreireiro Tolo. Este preséntalle á nena a seguinte adiviña:

—Why is a raven like a writing desk?
(—En que se parece un corvo a un escritorio?)
Despois de divagar durante uns intres, o Sombreireiro pregunta:
—Have you guessed the riddle yet? —the Hatter said, turning to Alice again. 
—No, I give it up —Alice replied—. What's the answer? 
—I haven't the slightest idea —said the Hatter. 
(—Atopaches xa a solución ao enigma? —dixo o Sombreireiro, dirixíndose de novo a Alicia.
—Non. Doume por vencida. —replicou Alicia—. Cal é solución?
—Non teño a menor idea —dixo o Sombreireiro.)
Deste xeito, o enigma quedou sen resposta no libro. Desde entón, foron propostas centos de posibles conclusións. O propio Carroll recoñeceu, no prólogo da edición de 1896, que inicialmente non pensara en lle dar solución, mais o enigma se fixo tan coñecido que finalmente decidiu ofrecer esta:
Because it can produce very few notes, though they are very flat; and it is nevar [sic] put with the wrong end in front.
Porque ambos os dous poden producir unhas cantas notas, aínda que moi deprimentes. E nunca está coa parte de atrás cara a adiante). 
Unha tradución ben difícil polos seus xogos de palabras: o valor polisémico de notes (‘escritas’ e ‘musicais’) e flat (‘chan, liso’ e ‘desafinado’); e a paronimia entre never e nevar, inversión de raven (‘corvo’).

Máis alá desta proposta do propio Carroll, desenlear o enigma converteuse nun popular pasatempo para afeccionados e eruditos. Estas son só algunhas das respostas máis creativas e lúdicas:

Aldous Huxley, recorrendo tamén ao xogo de palabras, ideou esta resposta, con dobre sentido:
Because there is a «b» in both, and because there is an «n» in neither.
(Porque hai un «b» en ambos, e un «n» en ningún).
A David B. Jodrey, Jr. ocorréusellle esta:
Because both have quills dipped in ink.
(Porque os dous teñen plumas tinguidas de negro).
Con todo, a que máis me gusta é estoutra de Sam Loyd, dunha ocorrente ambigüidade motivada pola polisemia de on (‘sobre’).
Because Poe wrote on both.
(Porque Poe escribiu sobre ambos os dous).  
E certamente Edgard Allan Poe escribiu «sobre» un corvo: o famoso poema The Raven (1845). Mais... onde o escribiu? Pois «sobre» un escritorio!

Para rematar, dous agasallos: unha interesante entrada do Portal das Palabras dedicada ao libro de Alicia e un fermoso vídeo coa escena do té (con adiviña incluída) do filme animado Alice in Wonderland (1951) redeseñada por Gene Kogan co estilo de diferentes pintores clásicos (Pablo Picasso, Frida Khalo, Vincent van Gogh, Edvard Munch...). A gozar!


Solución aos xeróglifos literarios (24-11-15): A rosa de cen follas, Os dous de sempre, Os biosbardos, A fiestra baldeira, Cambio en tres, O paxaro na boca, Sombra do aire na herba.

24/11/2015

Xeróglifos literarios








Desde Puntogalego, o «blogalego» do CPI Dr. López Suárez (O Saviñao), chégannos estes brillantes xeróglifos de tema literario e elaborados polo propio alumnado. Neles propónsenos descubrir o título oculto de grandes obras da literatura galega. Dá gusto ver como a canteira de xeroglifistas do país florece vizosa. Así que xa sabedes, a espremer un chisco os miolos para dar coa resposta. Non é difícil!

E se queredes crear os vosos propios xeróglifos, lembrade que aquí, en Xogosdelingua, dispoñedes como axuda dunha completa «Gramática xeroglífica».

20/11/2015

Coñeces a Frankensteinstein?











Coas imaxes anteriores queda claro o talento gráfico e ludolingüístico do deseñador e ilustrador sueco Kalle Mattson. E tamén, por suposto, o seu sentido do humor!

A idea de xogar a mesturar nomes de persoeiros famosos (reais ou de ficción) non é nova. O realmente orixinal e efectivo é facelo con tanta graza e co apoio desas colaxes.

Os nomes de Frankensteinstein, Pelégolas ou Putintín son xa ocorrentes en por si, mais ver como se materializan eses «binóminos fantásticos» en forma fotográfica garante, cando menos, un bo sorriso. Algo moi de agradecer!

A idea seica xurdiu, ollo!, un día en que o autor perdeu a conexión a internet. O aborrecemento resultante levouno a fedellar coas imaxes gardadas no disco duro do seu ordenador. «Un día pensei en George Michael Jackson e tiven que ver como sería de forma inmediata», explica Mattson. «Por alguna razón, ideei unha irrazonable morea de novas combinacións. Quizais porque estaba aborrecido e quedara sen Internet. Simplemente tiña que ver como quedaban».

Sobre o proceso de traballo, Mattson comenta: «Sempre comenza co nome. É necesario que haxa algo que o faga absolutamente xenial. [Tipo duro + rapaz doce] é un clásico. Ou [debuxo animado + case calquera cousa], aínda que os políticos dan moito xogo. [Debuxo animado + debuxo animado] probablemente non tería sentido. É obrigado que haxa tensión. [...] A nivel visual, trátase de seleccionar as dúas fotos correctas, atopando o mesmo ángulo da cabeza. Cando dou con dúas fotos que cadran, cólloas e colócoas xuntas. Non edito demasiado con Photoshop, agás para igualar a luminosidade ou a escuridade das imaxes».

Grazas mil, Kalle, por estas maxistrais brincadeiras. Podedes atopar a totalidade delas aquí e ademais tamén se poden comprar. Son pósters.

Proposta de actividade: aproveitando a idea da amiga Pilar Ponte coas Casas Alfabéticas, propoño facerdes descricións de persoas (prosopografías, retratos, caricaturas...) a partir das imaxes desta entrada. Escollede unha e adiante! A poñerlle imaxinación!

16/11/2015

Xulio César, ludolingüista


A mensaxe de hoxe xira arredor dunha desas frases que se converten en eternas: Veni, vidi, vici. Se cadra, o tautograma máis famoso e máis breve. Apenas tres palabras capaces de contar toda unha historia. Daquela, tamén un magnífico microrrelato. Situémonos:

No ano 47 a. C., terminada a guerra que comenzou co paso do río Rubicón, Xulio César (100 - 44 a. C.) emprendeu o camiño de regreso desde Exipto ata Roma. No traxecto pola actual Turquía tivo que enfrontarse, na batalla de Zela, aos exércitos do rei Fárnaces II. A batalla durou só 5 días, polo que César ben puido pronunciar a frase Veni, vidi, vici (‘Cheguei, vin, vencín’) para dar conta desa vitora completa e fulminante.
Uns historiadores contan que a célebre locución escribiuna Xulio César nunha carta cando lle comunicou o triunfo a un amigo, outros din que foi o lema que acompañou o desfile das súas tropas vitoriosas en Roma e outros afirman que a pronunciou ante o Senado romano para subliñar a súa destreza militar.

Sexa unha das posibilidades ou as tres xuntas, estamos ante un dos lemas máis famosos e rítmicos nunca deseñados. Unha frase de unicamente tres verbos xustapostos: veni, vidi, vici (na P1 do pretérito perfecto simple de venire, videre e vincere). Tres palabras bisilábicas que comezan e terminan polas mesmas letras e que conforman un enunciado tan rotundo no seu contido como na súa sonoridade.

Hoxe adoitamos empregar esta locución latina para expresar a rapidez coa que se consegue unha meta.

12/11/2015

Da topografía á tipografía

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU

De Johann David Steingrüber (1702-1787) eguer a cabeza, quedaría pampo con GeoGreeting, ferramenta creada aló polo 2006 por Jesse Vig, un mozo de Minnesota estudante de informática. Steingrüber imaxinara e deseñara, ao xeito tradicional dos arquitectos, abraiantes e utópicos edificios coa planta en forma de letras. Máis de dous séculos despois, o estadounidense empregou Google Earth para atopar por todo o planeta edificacións que, vistas desde o ceo, son cuspidiñas a letras. E abofé que o conseguiu!

GeoGreeting é unha sinxela aplicación que nos permite escribir mensaxes curtas (máximo 40 caracteres) con fotografías aéreas de edificios. A web, baseada como dixemos en Google Earth, indícanos sobre un mapa do mundo, a localización exacta do edificio que representa cada letra. Despois de escrito o enunciado, facilita unha ligazón para gozarmos da nosa creación animada e compartila. Eu, como comprobades ao pulsar as imaxes ou aquí, xa o probei co nome do blog.

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU#t

http://www.geogreeting.com/view.html?yHyqyCUnoUvsxqEkU#t

Polo que se ve, ducias de arquitectos ludolingüistas inspirados por Steingrüber deciron espallar letras (e quen sabe se tamén mensaxes) por todo o planeta.

08/11/2015

A «Copa Núria», de Jesús Lladò


Lembrades os caligramas en forma de copa de Charles-François Panard e de Álvaro Cunqueiro? A entrada de hoxe encabézaa «Copa Núria», outro caligrama cunha imaxe semellante, mais desta vez formado enteiramente por palíndromos en catalán que contan as peripecias dunha tal Núria en Irún. Unha pequena obra mestra da ludolingüística creada polo experimentado palindromista catalán Jesús Lladó.

Lladó é membro Club Palindromista Internacional e mantén cheo de actividade o espazo Catpals. El blog de palíndroms en català, unha das nosas lambetadas ludolingüísticas.

Preguntado nunha entrevista sobre a súa fascinación por algo tan inútil como os palíndromos, Lladó declarou:
É contraditorio en relación coa vida actual, na que se supón que todos debemos ser moi produtivos e achegar cousas á sociedade. Os palíndromos rompen con isto totalmente, non teñen utilidade más alá do propio pracer que se pode vivir exercitando isto. Esta inutilidade fascíname.

04/11/2015

Dos dedos e da lei da xungla



Aquí temos a Luís Prego, músico, investigador e membro do grupo folk Ardentía, a interpretar unha marabillosa canción, con coreografía manual incluída, coa que practicarmos os nomes dos dedos (vía Enredamos). Foi nun obradoiro do proxecto Apego, deseñado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.


Esta é a letra completa da peza, que tamén podedes atopar, xunto con outros recursos, no novo portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Pequeniño, pequeniño
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Medianiño, medianiño
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Pai de todos, pai de todos
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Furabolos, furabolos
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Matapiollos, matapiollos
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Man dereita, man esquerda
Onde estás?
Aquí estou.
Gusto en saudarte,
gusto en saudarte.
Xa me vou, xa me vou.
Unha demostración, para pasmo da prexuízosa xente de Jungle Word, de que é posible cantar en galego cos nosos máis pequenos sen que lles dea unha apoplexía.

O certo é que o ocorrido con Belén Tajes non colle por sorpresa a ninguén que coñeza minimamente a situación da nosa lingua nas grandes áreas urbanas. O galego, máis unha vez (1, 2, 3, 4, 5...), sometido aos peores prexuízos da lei da xungla, a lei do máis forte (ou do máis ignorante). Realmente desolador! Por iso, grazas mil a Belén Tajes, a Luís Prego e a iniciativas como Apego. 

31/10/2015

Os pinacogramas de GEF







Xa vimos aquí ou aquí que para facer bos retratos basta con situar estratexicamente diferentes letras e en diferentes posicións. É o que denominamos pinacogramas. 

Hoxe preséntovos a Gilles Esposito-Farese, físico teórico no Institut d'Astro-physique de París e fervoroso ludolingüística no seu tempo de lecer. Na súa páxina persoal podemos ver anagramas, ambigramas ou pangramas da súa colleita. Mais o que me deixou marabillado foron pinacogramas como os anteriores, froito da súa paixón por explorar as posibilidades gráficas do alfabeto. 

Como vemos, Esposito-Farese ten predilección nos seus retratos por grandes nomes da literatura e da ludolingüística. O singular destas pezas é, sobre todo, que o autor «debuxa» unicamente coas letras do propio nome de cada persoeiro. Unhas grafías que adapta en tamaño e forma segundo as necesidades.

Unha curiosidade para rematar: reparade na animación da dereita. Nela, o físico e deseñador francés forma o seu autorretrato coas iniciais do seu propio nome (GEF). Pois a mesma correspondencia entre letras e rostros podédela descubrir noutras dúas animacións ao facerdes clic nestas ligazóns: Georges Perec e Eugene Ionesco. Unha proeza abraiante!

Ah! E se vos presta, podedes practicar a arte dos pinacogramas utilizando estes dous xeradores automáticos: robotype e superveloz. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...